Antonio Viana-Baptista, director xeral de Telefónica España, presentou onte os plans da compañía para revolucionar o mercado da banda larga, dar un pulo á compañía e promover a conectividade móbil, o que se concretará co lanzamento de novos produtos e servizos relacionados coa banda larga tanto fixa como móbil.
Os usuarios domésticos poderán contratar en breve (están pendentes da aprobación por parte da CMT) dúas novas modalidades de Dúo e Trío con conexións de ADSL a 10 Mbps (a 44,9 e 48,9 euros/mes respectivamente) que ata o momento se limitaba ó mercado corporativo, e que actualmente se está a probar en preto de 1.000 fogares de Madrid e Barcelona agardando a súa dispoñibilidade para o 54% dos seus usuarios. Tamén anunciaron que no primeiro trimestre de 2008 procurarán pór no mercado outros produtos de alta velocidade sobre fibra que poderían superar os 30 Mbps (e mesmo chegar ós 100 Mbps).
A oferta televisiva de Telefónica na súa plataforma Imagenio tamén incorpora novos paquetes temáticos de canles (Paquete Austral, Andino, Caribe, Asiático, Internacional e Infantil), canles á carta (Canal Parlamento, Art Channel ou The Poker Channel) e mellorará os paquetes temáticos actuais, aínda que a principal novidade de Imagenio serán os servizos Past TV, Shift TV, Rewind TV e Grabador Personal, que se estrearán en novembro e farán posible unha televisión á carta.
Algúns destes novos servizos televisivos achegan ós usuarios de Imagenio prestacións habituais dun DVR avanzado, pois Shift TV permite deter a emisión en directo de calquera canle televisivo para continuar o seu visionado máis tarde (time-shifting) que no caso de Rewind TV se converte na repetición dos últimos minutos de emisión que se estaban vendo (para poder botarlles unha segunda ollada) e o Grabador Personal permite gravar os contidos con só premer un botón, pero destaca bastante máis Past TV, que permite acceder ós contidos dos últimos 7 días das principais canles xeralistas sen que o usuario tivera que gravalas anteriormente, polo que abre unha facilitade inédita en España.
Na telefonía móbil a operadora española tamén reforzará as súas posicións lanzando como primicia mundial o BlackBerry Pearl 8120 (que conta con conectividade Wi-Fi) e a aplicación BlackBerry Unit! (que permite compartir axendas, fotografías, música e outros documentos entre familias ou PEME).
Os usuarios de portátiles tamén poderán aproveitarse nas novas tecnoloxías de mobilidade grazas a un acordo pechado con Sony de xeito que os novos portátiles da empresa nipona incluirán módulos 3,5 G (ou HSUPA) integrados, servindo os modelos TZ21WN e SZ61WN de mascarón de proa desta alianza que se concreta nunha oferta especial na que os equipos poderán usar unha tarxeta SIM de Movistar con 200 Mb de tráfico de datos.
Telefónica renova a súa oferta de banda larga e revoluciona a súa televisión por ADSL
Compartir Este Artigo

