Tres empresas galegas con cadanseus proxectos van concorrer na segunda edición dos Premios Vivero que organiza SIMO en colaboración con Fundetec co obxectivo de darlle azos á innovación no eido das novas tecnoloxías. De dúas (Imagos e Redegal) destas tres firmas xa falamos hai uns días nesta mesma web, mais non da terceira do grupo: a ferrolá Loroestudio, que participa no certame na categoría de tecnoloxías da información e que fará especial fincapé en presentar as súas Mobiguías. Este proxecto, que consiste nunha plataforma de guías de información Java para móbiles a usuarios sen coñecementos de programación, concorrerá nesta edición do concurso Vivero xunto cuns 60 produtos máis e un total de 57 empresas.
O obxectivo: convencer a Fundetec das calidades innovadoras do servizo e acadar o premio de 9.000 euros en metálico. Fóra da consecución deste premio, as vantaxes de participar no certame semellan importantes, sobre de cara á promoción, posto que o salón SIMO (que se celebrará do 5 ó 11 de novembro), malia xa non ter a repercusión de anteriores convocatorias (e malia o desafortunado do deseño da súa web), segue a contar con peso abondo no eido das feiras tecnolóxicas europeas.
Amais diso, as empresas participantes contarán cun stand sen custo algún onde presentar os seus servizos.
A ferrolá Loroestudio participará nos Premios Vivero que organiza o salón SIMO
Compartir Este Artigo

