A Rede é coma o espazo preciso (nin moito nin pouco) para que as persoas se falen e se escoiten. Pero multiplicando por un número case infinito as súas posibilidades. Algo así como unha avenida ou praza pública onde manifestarse a tempo completo, entre outras moitas cousas, mal que lle pese ó presidente de Senado. Se temos en conta esta potencialidade da Rede como altofalante, case cae de caixón que hoxe non haxa apenas mobilización que non teña o seu reflexo no virtual. Un exemplo disto é o que está a acontecer co movemento en apoio ós tres do Eixo, Xesús, Xosé e Simón, tres veciños da devandita parroquia compostelá que ingresan na cadea pola agresión a un policía durante unhas protestas acontecidas hai nove anos nas que se querían impedir unhas obras públicas prexudiciais para os habitantes do lugar.
O caso é que os tres do Eixo xa teñen un sitio web onde se vai informar sobre o seu caso, a versión da historia achegada por eles e os vindeiros actos que se organicen en apoio do seu indulto.
Deste xeito, xa puidemos saber que hai unha nova mobilización convocada para hoxe martes 30 de outubro, ás 19.00 horas, na dársena de autobuses da avenida de Xoán XXIII, en Santiago. Asemade, en breve se fornecerá ó dito espazo web dun vídeo de carácter xornalístico no que serán os propios veciños do Eixo os que expliquen e sitúen os feitos, de xeito cronolóxico, dende o primeiro día de conflito ata a xornada de hoxe, na que ingresan na cadea.
Aberto na Rede un espazo para dar conta do caso dos tres do Eixo
Compartir Este Artigo

