A revista Time serve anualmente de termómetro tecnolóxico, e se en 2006 designaba a YouTube coma o invento do ano, en 2007 recoñece con tal galardón virtual ó iPhone, o que podería sorprender porque o teléfono de Apple dista moito de ser un móbil perfecto, pero existen serios argumentos para recoñecer ó iPhone coma un referente tecnolóxico para 2007.
Dende a publicación norteamericana destacan que o iPhone é un terminal cun deseño moi atractivo (que engade elegancia ó seu usuario), supón a reinvención das pantallas táctiles (cunha interface gráfica moi intuitiva e natural), fará mellores ós outros teléfonos (os novos terminais coidan máis o seu deseño e as súas prestacións, de xeito que cada vez é máis normal ver móbiles que destacan en reprodución multimedia ou en navegación a través da Rede), non é un móbil senón unha plataforma (vén a ser o OS X para pequenos dispositivos e achega ferramentas web coma Google Maps á palma da man) e, por último, será a sombra do que virá. Dende Time lembran os anteriores iPod cunha roda de navegación e unha pantalla monocromo e sosteñen que o iPhone se verá de xeito semellante no futuro, o que augura unha evolución impresionante.
Pero dende Time non destacaron só ó iPhone, senón que tamén botaron unha ollada a outros inventos moi interesantes coma un automóbil autónomo de Venturi Eclectic que funcionaría con vento e enerxía solar (apoiados por unha batería eléctrica recargable), un coche compacto desenvolvido no MIT que mide só 1,5 metros e chega ós 90 Km/hora co seu motor eléctrico, o enorme avión Boeing 787 Dreamliner (que permite o transporte de ata 250 pasaxeiros), o prototipo robótico HortiBot que é capaz de plantar sementes no campo, a película tridimensional Beowulf, un casco de fútbol americano que inclúe sensores que permiten detectar lesións na cabeza do xogador, as pantallas flexibles de LG-Philips e Sony que mediante LED orgánicos permiten amosar imaxes en 16,7 millóns de cores que poderían revolucionar ós móbiles e outros trebellos portátiles e mesmo un tipo de pés protésicos que permiten manter o equilibrio e subir escaleiras con certa facilidade.
Como se ve, hai inventos de tódolos tipos, e mesmo chaman invento a unha película, de aí que as críticas que denuncian que Apple non inventou o teléfono móbil non terían sentido, xa que a selección que realiza Time se refire a produtos tecnolóxicos dun xeito moi xenérico.

