O compostelán Felipe Rivero de Aguilar, afeccionado ó cine de terror, á ciencia ficción, ós comics e á fantasía, recompila distinta información sobre os seus temas preferidos da Internet e a publica no seu blog Uruloki, e sorprendeu o pasado domingo ó difundir en exclusiva unhas imaxes promocionais da nova película de Batman (The Dark Knight), de xeito que boa parte dos blogs e webs sobre cine deron conta do acontecido, ratificando o interese desta publicación dixital que conta con moitos seguidores de fala hispana.
Parece ser que a Warner Bros. non estaba conforme coa filtración das fotografías de Batman e Joker que apareceron en Uruloki, polo que informaron a Flickr (servizo onde están hospedadas as imaxes do blog) da publicacións das imaxes e ó propio Felipe Rivero, e así o autor da bitácora eliminou as imaxes da Rede, pero cun efecto colateral bastante negativo: Flickr cancelou a súa conta de usuario por violar o copyright.

Este conflito sobre a difusión de imaxes de películas debería chamar á reflexión sobre esta canle promocional, pois dá a entender que boa parte dos blogs que filtran información á Rede sobre as rodaxes cinematográficas deben de contar co beneplácito de Hollywood, posto que cando un pequeno blog persoal fai o mesmo se ve acosado polos estudos para retirar o material publicado.
Hai que destacar que moitas das grandes estreas cinematográficas aproveitan especialmente a forza da web para potenciar a súas estreas, o que explica en boa medida por qué están a proliferar as adaptacións de comics e series de televisión á pantalla grande, pois deste xeito teñen unha cobertura de balde garantida.
A filtración de imaxes da nova película de Batman causa problemas a un blog compostelán
Compartir Este Artigo

