
O novo espazo, con contidos en galego, español e inglés (menos completos neste último caso), pretende ser unha porta de promoción e comercialización de servizos turísticos relacionados con Lugo, así como fidelizar ós visitantes da cidade lucense.
O portal presenta unha interface moi visual e intuitiva, que fai doado atopar información sobre festas, actividades culturais, gastronomía ou aloxamento, animando ó internauta a visitar a cidade e participar nos distintos eventos que alí se celebran ó longo do ano.
Ruta en MP3
Para dar a coñecer Lugo e a súa muralla, Patrimonio da Humanidade, publican audioguías en MP3, que describen 22 puntos de interese. As audioguías pódense escoitar dende reprodutores que se alugan a 6 euros por 24 horas, dispoñibles en galego, español, inglés, francés e alemán na Oficina Municipal de Turismo.

