O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou hoxe xunto ó alcalde de Allariz, Francisco García, o proxecto Allariz Dixital, iniciativa que pretende impulsar a implantación da Sociedade da Información promovendo a utilización e aproveitamento de todo o potencial que brindan as novas tecnoloxías, no que segundo Quintana sitúa ó concello coma «líder e referente» neste eido para todo o país.
Allariz Dixital supón a creación dunha grande rede virtual que favorece novos modelos organizativos de relación entre a Administración e os cidadáns ó tempo que impulsa a través da formación novas oportunidades laborais e económicas. O proxecto incide en 3 liñas estratéxicas: a conectividade, a administración electrónica e a alfabetización dixital.

No tocante á Administración electrónica, o Concello modernizará a súa xestión interna a través dunha tarxeta que poderán solicitar tódolos cidadáns para acceder electronicamente a diferentes servizos municipais, reducindo os tempos de tramitación (axilizando e racionalizando os procedementos) á vez que contribúen á accesibilidade, calidade e transparencia dos servizos e mellora a atención prestada á cidadanía.
Para a alfabetización dixital, o proxecto buscará a participación cidadá na Sociedade da Información e achegará contidos en aulas municipais e nunha aula móbil que percorrerá as distintas parroquias.
O proxecto Allariz Dixital preséntase coma referente da Sociedade da Información en Galicia
Compartir Este Artigo

