
As canles de televisión estadounidenses quixeron sorprender ás súas audiencias amosando pantallas táctiles, portátiles de última xeración e imaxes tridimensionais durante a cobertura do Supermartes, de xeito que parece firme a aposta pola tecnoloxía para informar sobre este tipo de eventos políticos.
A canle de novas por cable CNN foi unha das que máis tecnoloxía amosou esta semana, e o seu correspondente John King amosou distintos gráficos valéndose dunha pantalla táctil, o que lle permitía interactuar coa información presentada para estimar distintos escenarios posibles de xeito inmediato durante a animada xornada, resultando moi visual e efectivo. Durante outras conexións tamén se puideron ver televisións xigantes e moitos portátiles da marca Dell.

Para non quedar atrás, a CBS sorprendeu empregando unha pantalla de 26 polgadas con tecnoloxía Elo TouchSystems, ou sexa, toda unha primicia. Tamén se puideron ver pantallas de plasma Panasonic de 65 polgadas, retroproxectores e portátiles Toshiba M9.
Para rematar, Fox News sorprendeu por ser a única canle na que se utilizaron portátiles de Apple, pois un dos seus analistas empregaba un Macbook Pro con pantalla de 17 polgadas. Resulta curioso polo feito de que a Fox está asociada principalmente a unha audiencia conservadora, mentres que Apple é unha marca máis orientada a un público mozo e rebelde.
O Supermartes foi todo un escaparate tecnolóxico na televisión norteamericana
Compartir Este Artigo

