Pese ó rebumbio creado polo anuncio de compra de Yahoo por parte de Microsoft, o buscador non cesa a súa actividade, e vén de estrear un servizo experimental de vídeo en directo, Yahoo Live (Y! Live), que supón unha alternativa a outros sistemas de vídeo coma YouTube coa vantaxe de aceptar vídeo en directo, o que abre as posibilidades inherentes ás experiencias en vivo, o que permite a interacción coa audiencia a través do vídeo e do chat, conservando a posibilidade de incrustar as emisións en calquera web.
Presentación do novo servizo |
Os desenvolvedores tamén teñen acceso a unha API e compoñentes de incrustación (así como unha aplicación de exemplo e un titorial) polo que poderán desenvolverse aplicacións sobre esta plataforma que advirten que ó ser experimental pode experimentar incidencias (durante este mesmo día estivo varias horas pechado por labores de mantemento).
Neste momento Yahoo quere probar esta plataforma para detectar eivas e coñecer as impresións de usuarios e desenvolvedores, o que será de utilidade para mellorar este produto antes do seu uso masivo.

