Dende o domingo 3 de febreiro o blog Genbeta está a ter problemas por mor dun ataque DDoS que fai que a web funcione a pouca velocidade e mesmo deixe de estar operativa por momentos, en represalia pola non eliminación dun artigo no que advertían ós seus lectores que non subministrasen o seu contrasinal do Messenger a descoñecidos (por un fraudulento servizo que prometía amosar ós usuarios que te teñen engadido na aplicación de mensaxería instantánea de Microsoft).
O devandito artigo parece que comezou a gozar de bo trato por parte de Google, polo que dende Genbeta recibiron ameazas esixindo a eliminación de tal contido no blog español, e ante a negativa decidiron reaccionar violentamente.
Moitas webs españolas comentaron o acontecido, e por iso tamén pasaron a ser obxectivo dos atacantes, resultando especialmente afectados o blog error500 e a web de Menéame. Segundo parece, os responsables do ataque queren borrar o seu rastro na web, de aí que pretendan soterrar ós espazos que difunden o caso Genbeta, aínda que están a acadar todo o contrario, posto que o que podería ser un incidente sen importancia se está a captar moita atención, polo que cada día coñecemos máis detalles sobre o asunto. De feito, Ricardo Galli, responsable de Menéame, investigou o ataque determinando que o responsable dos mesmos podería ser o arxentino Emilio Ribera, coñecido por ducias de estafas a través da Internet.
Galli tamén detectou a outro arxentino involucrado nos ataques, que se terían realizado aproveitando fallos de seguridade en servidores con Joomla e phpBB, que permiten a execución de ficheiros PHP externos.
Onte aínda continuaban os ataques, e varios dos afectados van a denunciar ante as autoridades pertinentes o acontecido, aínda que ó estar os presuntos responsables fóra de España parece máis complicado que se tomen as medidas pertinentes contra eles.
Ataque informático a varias webs españolas
Compartir Este Artigo

