
Microsoft anunciou que Windows Vista (incluíndo a Framework .NET), Windows Server 2008, SQL Server 2008, Office 2007, Exchange Server 2007, Office SharePoint Server 2007 e as súas versións futuros pasarán a guiarse por 4 novos principios:
– asegurar a comunicación aberta
– promover a portabilidade dos datos
– mellorar o soporte de estándares da industria
– fomentar a relación entre usuarios e industria, incluíndo as comunidades de código aberto
Aínda que Microsoft leva moitos anos compartindo información con outras empresas para que poidan desenvolver produtos para as súas plataformas, «estes pasos representan un paso importante e un cambio significativo no xeito no que compartimos a información sobre os nosos produtos e tecnoloxías» segundo declarou o propio Steve Ballmer.
Brad Smith, conselleiro xeral de Microsoft, asegurou que con estas medidas están «dando tódolos pasos necesarios para asegurar que cumprimos coa lexislación europea».
Ray Ozzie, director de arquitectura de software de Microsoft, pola súa banda destacou que «incrementando a apertura dos nosos produtos, achegamos ós desenvolvedores a oportunidade adicional de innovar e engadir valor para os consumidores».
Para concretar esta apertura, Microsoft comezará a publicar na súa web documentación da interface de programación das súas aplicacións (API) dos produtos de uso masivo da compañía, dando este acceso a calquera sen discriminación. Tamén publicarán a través de MSDN máis de 30.000 páxinas de documentación dos protocolos de cliente e servidor de Windows, detallando os que están cubertos por patentes de Microsoft (facilitando un sistema de licenzas en termos non discriminatorios).
No tocante ós desenvolvedores de aplicacións de código aberto, Microsoft comprométese a non emprender accións legais contra desenvolvedores que utilicen a súa documentación para desenvolver aplicacións de balde (cando se trate de produtos de pago será preciso que licencien as patentes afectadas).
Unha das principais consecuencias desta nova política de Microsoft será que o Office 2008 flexibilizará o formato dos seus documentos, polo que en breve deseñará unha nova API para Word, Excel e PowerPoint que permitirá programar engadidos para crear novos formatos de documentos aceptados que se poderán definir por defecto, o que podería servir para abrazar formatos coma os empregados en OpenOffice.org.

