
Issuu é o máis semellante que podemos ver a un YouTube para publicacións impresas, que transforma os nosos ficheiros PDF para a súa visualización mediante unha aplicación Flash que se pode incrustar nas nosas webs. Podemos así navegar polas distintas páxinas das nosas publicacións, ampliar os contidos para lelos comodamente, pór a pantalla completa o visor de documentos e mesmo imprimir, facendo moi doada a difusión deste tipo de contidos, e cun manexo moito máis elegante e sinxelo que outros servizo semellantes coma Yudu Freedom.
A web creada en Dinamarca xa conta con varios centos de publicacións catalogadas na súa plataforma, incluíndo revistas de todo tipo, comics, catálogos ou portafolios, e aínda que o servizo é de balde, os seus creadores, Ferro-Thomsen e Mihael Hansen, poderían crear unha edición premium de pago máis adiante.
O servizo baséase en Flash 9, polo que tamén están a pensar en desenvolver un sistema que funcione en versións menos avanzadas de Flash (¿pensando quizais en dispositivos móbiles?).
O desenvolvemento tecnolóxico de Issuu realizouse entre febreiro e decembro de 2007, e agora xa temos un produto final de grande calidade, pero podería supor toda unha revolución para a achega de manuais, revistas e moitas outras publicacións que ata o momento se limitaban a un acceso dende o escritorio do ordenador e que agora saltan á web.
O último número de Código Cero visto dende Issuu

