
Esta tira cómica creada por Scott Adams e distribuída por United Media, estaba a ser pouco explotada na Internet, de xeito que os seguidores só a podía consultar vía web ou subscribirse á mesma por correo electrónico, o que non parecía ser suficiente e mesmo levou á creación de varios fluxos RSS non oficiais coas tiras diarias que eran dos máis seguidos na Internet (un deles contaba con 840.836 subscritores en Google Reader e outro con 190.000 seguidores).
Agora, os responsables de Dilbert puxéronse as pilas, e non só crear un fluxo RSS oficial, senón que tamén incorporan distintas prestacións á web oficial.
![]() Unha das últimas tiras cómicas de Dilbert |
A nova páxina ofrece as tiras cómicas en cor (antes eran en branco e negro), permite consultar as tiras anteriores (sen limitarse só aos 30 días anteriores), publica pequenas animacións humorísticas dos protagonistas da tira e mesmo convida aos usuarios a crear mashups, ou sexa, a personalización de tiras anteriores para crear novas pílulas de humor modificando a viñeta final na que está a punch line.
Moitos destes contidos se poden integrar noutras páxinas web (que resulta especialmente doado no caso de usar o widget oficial de Dilbert), no que sería un achegamento á Web 2.0 por parte de United Media.


