Roberto Brenlla, socio fundador de AGNIX (colectivo galego de usuarios de GNIX) vén de confirmar no seu blog e máis no espazo web da devandita asociación a súa asistencia a un encontro sobre software libre en Luanda, capital de Angola, onde dará conta das súas experiencias en materia de difusión e desenvolvemento de programas de código aberto en Galiza. O evento, que vai ser organizado polo angolano Marcio Cándindo e máis o brasileiro Marco Lima (quen xa estivo presente nas Xornadas GalegoLusófonas do Porriño, organizadas en 2006 pola propia asociación AGNIX), celebrarase do 25 de xuño ao 1 de xullo.
A idea de Brenlla, máis polo miúdo, é dar conta do traballo feito na nosa terra no eido do asociacionismo, do institucional ou do empresarial e arredor da programación aberta.
Amais disto, o obxectivo é tirar partido dun encontro de natureza lusófona para afianzar as canles de cooperación en materia de código aberto entre comunidades, contando estas cun elemento ao seu favor: unha cultura en común. Paseniño, Brenlla irá dando conta de máis datos sobre a súa participación e sobre este encontro informático portugués-brasileiro-angolano-galego.
Roberto Brenlla participará en Angola nunhas xornadas lusófonas sobre software libre
Compartir Este Artigo

