O operador galego R vén de dar a coñecer unha serie de datos positivos para a súa actividade. O estudo, que vén da man da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, non é outro que o último informe da CMT sobre a penetración das redes nas Comunidades Autónomas, onde se dá conta dun medre en Galiza das liñas de Internet de alta velocidade, cunha taxa de crecemento do 28,1%, o que dá como resultado unha subida de 8 puntos por riba da media do estado.
Segundo sinala o operador galego, este incremento está relacionado de xeito ben estreito co espallamento da fibra óptica que a empresa habilita nas nosas vilas. De feito, o medre interanual do número de liñas de cablemódem que achega R así semella indicalo, situándose arestora nunha porcentaxe de crecemento do 33,2%.
Neste intre, a cifra de liñas está en 125.000, o que significa que de cada dez habilitadas en Galiza, case catro son da firma galega.
O informe da CMT, engade R, sitúa á empresa como posuidora do 37,4% da cota de banda ancha en Galicia, dato que se sitúa a rentes do 43% en provincias como A Coruña. Por outra banda, tamén acada o 20,9% da cota de telefonía fixa de toda Galicia.
R sitúa á fibra óptica como responsable do medre de banda larga no país
Compartir Este Artigo

