
Alex Pilosov (de Pilosoft) e Anton Tony Kapela (de 5Nines Data) son os expertos que detectaron este fallo de seguridade que só poderá explotarse dende routers BGP (normalmente en provedores de acceso á Rede ou en empresas de enormes dimensións) e podería empregarse para espionaxe (pois serviría para redirixir o tráfico para un usuario a outro).
Kapela insistiu en que «non hai vulnerabilidades, nin erros de protocolo, nin problemas de software», senón que o problema está na confianza na que se basea a arquitectura BGP, que fai doado que os sistemas que intercambian paquetes de datos coñezan os camiños máis rápidos polos que levar a información ao seu destino dialogando cos routers veciños.
Este problema de seguridade podería compararse ao secuestro de rangos de enderezos IP, coma o que aconteceu hai poucos meses cando un operador Paquistaní suplantou o IP de YouTube, o que deixou ao portal de vídeos inaccesible durante horas, aínda que no caso que nos ocupa as repercusións poderían ser indetectables para o usuario final (aínda que os expertos en redes si poderían advertir estas prácticas).
A manipulación do encamiñamento BGP podería evitarse mediante filtros ou con técnicas de autentificación, polo que hai que agardar que as empresas responsables tomen medidas ao respecto antes de que se comece a aproveitar esta vulnerabilidade da Internet con escuras intencións.
Atopan un grave fallo de seguridade na Internet
Compartir Este Artigo
