A influenza de Google no mundo é tan notoria como sutil. En boa medida, trátase dunha actividade incesante de espallamento que, polas razóns que sexan, nos colle cos brazos cruzados. Ou mellor aínda para Google: coa man no rato. Que o buscador está metido nos nosos miolos de tal xeito que é a primeira palabra que diríamos se no 1,2,3 e nos preguntasen polos servizos máis usados e populares da Rede? Pois non semella que importe moito, con tal de que siga na liña de subministrar novas ferramentas de xeito continuo, tanto como para que vexamos a Rede que nos convén (e que a Google lle convén) como para que vexamos a Terra dende o ceo. Neste senso, a novidade de hoxe ten moito de simbólico: o buscador está a ultimar unha iniciativa que iría encamiñada a habilitar os seus servidores e centros de datos nos barcos que navegan mar a dentro.
Este proxecto, chamado Computer Navy, comparte o espírito das experiencias previas da empresa e ao mesmo tempo apostaría polo emprego de enerxías máis limpas.
Neste senso, a iniciativa, que se apoia no emprego de water-data-centres (ferramenta de Google para que os ordenadores instalados en barcos usen enerxía das ondas e atopen refrixeración na propia auga), estaría dirixida atopar solucións máis limpas ao incremento dos data-centres por todos os recantos do planeta e coa subida no gasto de recursos enerxéticos que iso implica.
Ou sexa, que as aplicacións de Google nos barcos (tirando partido do movemento das ondas e da temperatura da auga) serían moito máis ecolóxicos que os métodos usados tradicionalmente para evitar o sobre quecemento dos equipos. Tendo en conta que a presenza destes data-centres non pode facer outra cousa que medrar (a máis volume de información xerado e transmitido, máis precisos son), a solución de Google semella máis que acorde cos novos tempos. Con todo, o buscador aínda ten por confirmar a data de traslado das supercomputadoras aos barcos.
Google proxecta habilitar os seus servidores mar a dentro na procura da enerxía das ondas
Compartir Este Artigo

