A Conferencia Internacional de Software Libre, que se vai celebrar en Málaga os días 20, 21 e 22 de outubro, será o escenario elixido para a presentación do Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (Open Source Observatory and Repository, o OSOR), unha plataforma que (para entendérmonos sobre o seu funcionamento) recolle en boa medida o espírito colectivo da iniciativa galega mancomun.org para poñer ao alcance dos internautas un gran obradoiro de informática aberta pancontinental. Máis polo miúdo, engaden os responsables da dita xuntanza, constitúe unha plataforma activa que permite compartir ferramentas e aplicacións de Administración Electrónica (e-Goberno) baseadas en software libre, informando asemade dos traballos en común desenvolvidos en toda Europa e interrelacionado servizos procedentes dos diferentes países da UE (incluída a devandita plataforma galega mancomun.org).
Sinalar que a Conferencia Internacional de Software Libre 2008 está organizada de xeito conxunto pola Junta de Andalucía e a de Estremadura. Prevese que os ollos da comunidade mundial de usuarios e desenvolvedores de programación aberta estean atentos a todo o que aconteza ao logo das tres xornadas de encontro, na que participarán 200 especialistas procedentes de todos os recantos do planeta. A día de hoxe, xa hai máis de 2.000 persoas inscritas para participar no encontro, de asistencia de balde.
Entre o máis salientable do programa atópanse os relatorios e experiencias de gobernos que xa migraron unha boa parte dos seus sistemas administrativos e de comunicación a software libre e de outros que están a facelo neste intre. É o caso de Brasil, Venezuela, Ecuador, Paraguai, Cuba ou México.
Asemade, a Conferencia contará coa presenza de especialistas de renome internacional no eido da cultura e a informática aberta, e é o caso de Tim O´Reilly (un dos grandes impulsores do open source no mundo e máis polo miúdo da Web 2.0, a participativa), Jo Walsh (desenvolvedora de programas), Tyler Mitchell (presidente da Fundación Osgeo), Simon Phipps (director de fontes abertas de Sun) ou Bdale Garbee (director de Linux en HP), entre outros.
Na imaxe, a convocatoria 2007 da Conferencia celebrada en Badaxoz.
A UE fará público o seu gran proxecto sobre programación aberta na Conferencia Internacional de Málaga
Compartir Este Artigo

