Arzúa forma parte a partir de hoxe (e de xeito oficial) da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) que mantén a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual. Trátase dunha instalación encamiñada a achegarlles aos veciños as novas tecnoloxías dixitais, con todo o que iso implica: máis e mellores posibilidades de tirar proveito da Sociedade da Información. O telecentro de Arzúa, que está conectado a outras salas existentes noutros concellos galegos (precisamente por formar parte da RTC), conta con espazo para unhas 40 persoas e con 20 computadores. O espazo de conexión, que foi inaugurado este martes polo subdirector xeral de Telecomunicacións (Manuel Conde) e o alcalde da localidade coruñesa (Xaquín García), inclúe ademais unha sala multimedia para a proxección de material audiovisual, que posibilitará, entre outras cousas, levar a cabo videoconferencias.
Na achega deste equipamento, dirixido en boa medida a facer máis doado o afianzamento das redes dixitais no eido rural do dito concello e o seu contorno, participaron ombro con ombro a Xunta (a través da Dirección Xeral) e máis o Concello, a primeira achegando material técnico (situado no andar baixo do Centro Sociocultural María Mariño) e o segundo do labor de mantemento do centro e de garantir que opere de forma axeitada.
A Rede de Telecentros galega
Un telecentro de comunicación (TC) é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.

