A adega galega ValdeSil vén a de reforzar a súa arela de establecer un contacto máis directo cos seus clientes e, a maiores, cos seareiros do mundo dos viños en xeral. Neste senso, a idea da empresa de Vilamartín de Valdeorras é engadir un complemento máis aberto e participativo ás canles de comunicación xa previamente habilitadas, en parte polo tradicional (o diálogo presencial na propia adega, as xiras en encontros e feiras, etc) e en parte polas ferramentas dixitais (a web habilitada en tres idiomas: galego, castelán e inglés; os correos electrónicos que se dan conta das novidades referentes á firma, etc). Con esta finalidade, a adega vén de optar por unha vía que ten un aquel de intermedia, recollendo as vantaxes da Web e ao mesmo tempo dándolles un aire de diálogo directo: a vía do blog. O caderno virtual de ValdeSil, que se dirixe a manter conversas “bidireccionais” entre a propia adega, os consumidores e os profesionais, foi presentado os días pasados como un “paso lóxico na traxectoria da firma”. Ou sexa, que a xuízo dos responsables da empresa é a hora de darlles voz, finalmente, “a todos os consumidores, distribuidores e críticos que apostaron por nós ao longo destes anos”.
Para a firma, era importante a escolla do formato blog, en boa medida porque a filosofía 2.0 (a Internet participativa que se vai facendo coa concorrencia dos internautas) lle vén como anel ao dedo, describindo como describe un espazo na Rede no que os usuarios da mesma poden introducir as súas opinións e comentarios, ligazóns a outras páxinas e, en ocasións (coma no caso do blog de ValdeSil) tamén todo tipo de arquivos audiovisuais.
A proposta é manter abertas canles, pero non baixo calquera circunstancia. En termos da propia adega, cómpre achegar unha serie de requisitos para participar no diálogo, sobre todo no que se refire ao mantemento da cortesía e unhas normas básicas de conduta e de mutuo respecto nas expresións e opinións publicadas no blog.
A adega ValdeSil ábrese ao diálogo cos seareiros do viño a través do seu blog
Compartir Este Artigo

