A Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación de Galicia (INEO) vén de anunciar que para o vindeiro 2009, un total de once empresas galegas do sector TIC obterán o certificado de calidade en sistemas de xestión de seguridade da información mediante a norma UNE—ISO/IEC 27001: 2005.
Trátase dun número de empresas moi significativo xa que, segundo informou INEO, “en España tan só hai 25 organizacións acreditadas á mesma”.
Publicada o 15 de outubro do 2005, a ISO/IEC 27001:2005, é unha norma que se concede e se controla a través de auditorías externas e que fai referencia aos requisitos dos sistemas de xestión de seguridade da información nas empresas, recoñecendo o gran valor que esta ten para as mesmas, e garantindo, sobre todo, a súa confidencialidade, corrección e dispoñibilidade.
Na actualidade hai 4.803 organizacións no mundo con certificación acreditada en ISO/IEC 27001:2005, segundo o rexistro internacional de International Register of ISMS Certificates. Xapón encabeza a listaxe dende hai anos, cunhas 2.770 organizacións certificadas con esta norma, seguido da India con 426 e Reino Unido con 368.
A esta cifra sumaranse o vindeiro ano as once empresas galegas que xa iniciaron os trámites para a implantación da norma e a súa posterior certificación. Todas elas pertencen ao sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e forman parte de Ineo; asociación do sector TIC en Galicia que dende hai tres anos ven desenvolvendo diversos proxectos de promoción, implantación e certificación de calidade entre os seus asociados.
O obxectivo da implantación das devanditas certificacións de calidade é dotar ao sector TIC galego das ferramentas necesarias para o incremento dos seus niveis de produtividade e de competitividade fronte ao mercado exterior.
As empresas galegas do sector TIC apostan pola calidade na xestión da súa información
Compartir Este Artigo

