O 1 de outubro é sempre unha data para recomezar. Puidémolo ver onte a todos os niveis: non apenas houbo empresa, institución ou iniciativa particular que non asumise algún tipo de proxecto. Esta data de especial significado en cuestións vindeiras foi a elixida (precisamente) pola firma galega Blusens para dar a coñecer en Madrid a súa proposta de produtos e servizos para 2009, un programa de achegas tecnolóxicas que xira máis que nunca arredor de dous eixes: fogar conectado e portabilidade. Ou sexa, que a compañía con sede en Compostela ten moi claro que o lecer dixital de hoxe, lonxe de dirixirse cara a espazo alleos aos usuarios, encamíñase a acompañalos en todos os seus pasos (portabilidade) e mesmo cando menos posibilidades hai de que se movan (fogar).
De manter o noso domicilio conectado é do que trata un dos servizos estrela dos presentados na capital de España: o Blurain, un centro de medios dixitais e televisión que lles posibilita aos usuarios gozar de contidos recollidos de diferentes canles e que poden ser distribuídos a distintos reprodutores e memorias, sendo posible ata acceder a eles a través de Internet “para ver o que queiramos, cómo, onde e cando queiramos”, sinalou a empresa de Compostela nos actos celebrados en Madrid.
Por certo que entre as moitas cousas que poderemos controlar con Blurain atópanse os televisores (con 24 referencias diferentes dentro do catálogo da firma) con tecnoloxía Wi-Fi, os discos duros multimedia, os sintonizadores TDT, os reprodutores Blu-Ray e DVDs e os marcos dixitais.
Xa no eido da portabilidade, dicir que a achega de Blusens inclúe nesta sección do catálogo a todos aqueles produtos que se moven cos seus usuarios. De entre todos eles, cómpre salientar o novo Keia, un reprodutor portátil de MP3 do que xa temos falado nesta mesma web e que identifica, máis que unha boa parte dos produtos actuais do mercado, dous conceptos máis ou menos diferenciados nun único concepto: aparello e mando do aparello. En realidade, todo o reprodutor é en si mesmo un gran botón para navegar polas súas funcións sen que sexa preciso sequera ollar á pantalla. Keia, que xa está nas tendas dende o pasado día 20, é un trebello suxeito a actualizacións constantes. De feito, Blusens xa anunciou que en breve lle será incorporado un pulsómetro e máis un podómetros, ademais de preverse a aparición dun Keia resistente á auga.
Blugeneration
O acto de Madrid tamén foi o escenario elixido para dar a coñecer a redefinición de blu:generation, o novo espazo en liña da empresa que serve, entre outras cousas, para crear comunidade virtual e fortalecer as posibilidades de lecer interactivo da propia empresa e da mesma Rede. A web, que fornece aos internautas de recursos multimedia, foi concibida coma un lugar de encontro para todos os seareiros da música dixital, o cinema ou o deseño.
Asemade, desveláronse na capital de España moitos dos segredos de Blusens Music, a discográfica dixital de Blusens. O selo foi dado a coñecer polo miúdo da man do primeiro que promove, Cornelius, unha agrupación galega que mestura rock e funk e que ten programada a gravación do seu novo álbum os vindeiros meses nos Village Studios de Los Ángeles. Por certo que a achega deste disco levarase a cabo mediante varias canles distintas. De entre elas, como se pode supoñer, darase especial importancia ás ligadas aos reprodutores multimedia de Blusens e ao devandito servizo blu:generation.

