
A iniciativa en concreto, que se deu a coñecer hoxe venres en todos os seus detalles (aínda que xa foi avanzada a mediados da semana por AFP e outros medios), consiste na posta en marcha do Centro Tecnolóxico de Buscas Europeo (Search Technology Centre – STC), un novo complexo de investigación que traballará man con man con outros centros de semellante actividade que o xigante de Redmond mantén operativos en Europa e no mundo, como por exemplo o laboratorio internacional de investigación en Cambridge, ou os centros de desenvolvemento de Dublín e Oslo.
O caso é que o novo departamento (que coma os seus irmáns moverase na fina liña de achegar vantaxes tecnolóxicas para a sociedade, e vantaxes mesma para a propia empresa), significa un paso máis no reforzamento dunha liña estratéxica concreta de Microsoft: facerse forte en Internet perante a competidores coma Google, líder, precisamente, en buscas. A nova da posta en marcha do STC foi dada a coñecer logo de que a multinacional informase de máis investimentos no eido das procuras en liñas, e que inclúen a merca dunha empresa deste sector en concreto, a inglesa Multimap, do portal alemán Ciao e da compañía norueguesa de pescudas na Rede FAST.
Por certo que a apertura do centro correu a cargo do CEO de Microsoft, Steve Ballmer, que está de viaxe por cinco cidades europeas dando a coñecer os proxectos da casa a curto, medio e longo prazo, proxectos que en boa medida teñen que ver coa liña de espallamento da compañía en Europa (onde, logo da apertura do STC, xa haberá 2.000 investigadores e enxeñeiros traballando para a empresa). O STC estará liderado por Jordi Ribas, o antigo director xeral do grupo de negocio de Microsoft Connected TV, e contará con tres sedes de excelencia: París, Londres e Múnic. O seu obxectivo: apoiar a innovación e renovar a experiencia europea de consumo e buscas en liña.
Microsoft anuncia en Noruega a creación dun centro de tecnoloxía de buscas na Rede
Compartir Este Artigo

