A menos de dous anos xa para o apagamento analóxico (ese acto xeral de despedida a un xeito de ver a televisión non exento de problemática: imaxe e son en ocasións deficientes, interferencias, escasa oferta de canles, etc), cada pouco tempo os organismos responsables do seu desenvolvemento e de verificar que todo se vaia cumprindo lanzan datos de interese sobre o estado de cousas. O máis recente, no que respecta ao Estado español, o informe do Instituto Nacional de Estatística (en pdf) sobre a presenza de novas tecnoloxías nos fogares. Nel, entre outras cousas, sinálase que o 37,4% dos fogares españois conta xa cun receptor de Televisión Dixital Terrestre (TDT) e, de entre eles, un 32,4% téñeno integrado do propio aparello receptor.
No que atinxe á información de Galiza, os datos achegados estes días son moito máis específicos. De feito, atinxe sobre todo á experiencia piloto da Fonsagrada, iniciativa da Xunta e do Goberno central que consistiu en verificar que acontecería nun dos concellos galegos que maior número de atrancos ao tecnolóxico reúne no seu territorio (orografía complicada, poboación moi espallada) se fose obxecto dun adianto no dito apagamento.
Pois ben, segundo informou en Madrid o máximo responsable da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, Xosé Manuel Fernández Iglesias, a experiencia permitiulles aos veciños da Fonsagrada a posibilidade de ver unha vintena de canles fronte aos dous ou tres que captaban coa anterior tecnoloxía, estando neste intre a cobertura poboacional arredor do 98%.
Os datos acadados, malia ficar aínda uns treitos en baleiro dixital que se esperan tratar en breve coa instalación de infraestruturas novas, permiten falar (a xuízo de Fernández Iglesias) de “éxito” e máis de experiencia extrapolable ou modelo a seguir para o resto do país. En boa medida, subliñou durante o transcurso dunhas xornadas sobre negocio na TDT en Madrid, grazas á resposta máis que axeitada das empresas galegas que participaron no proxecto e da Xunta de Galicia.
Novos partes sobre o avance da televisión dixital en España e Galiza (pola vía da Fonsagrada)
Compartir Este Artigo

