
A primeira toma de contacto será este martes 14 de outubro na Cámara de Comercio da Coruña (rúa Alameda 30, 1º), e nela intervirá Roberto Brenlla, economista especializado nas tecnoloxías da información e fundador de Tegnix, unha das 24 compañías galegas que integran arestora a Agasol.
A sesión, que non irá alén das dúas horas, dará comezo ás 19,30 horas. Nela, informa Agasol, está previsto desenvolver un programa dirixido a que xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxías da información amplíen o seu coñecemento sobre que é o software libre, Linux e os estándares abertos. Asemade, incidirase nas súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade. Con este fin, afondarase en casos de éxito en empresas, institucións ou nas administracións.
Os asistentes, que poden inscribirse de maneira gratuíta no teléfono 981 21 60 72, recibirán o DVD Ferramentas informáticas para a PEME elaborado pola Consellería de Innovación e Industria, que inclúe unha ampla escolma de software de uso empresarial libre, gratuíto e legal.
Agasol dá comezo na Coruña a súa campaña de divulgación do software libre para o empresarial
Compartir Este Artigo

