A Xunta, e máis concretamente a súa aposta polas ferramentas que a encamiñan (e nos encamiñan) á cidadanía dixital, veñen de ser recoñecidas por AENOR co Certificado de Servizos de Tecnoloxías da Información. Este aval, que vai dirixido a dar conta dun emprego “óptimo” das ditas novas ferramentas á hora de axilizar e mellorar as canles de comunicación das institucións cos cidadáns, foi entregado onte martes ao conselleiro de Presidencia (Xosé Luís Méndez Romeu) de mans do presidente da Asociación, Manuel López Cachero. Segundo informa a propia Xunta nun comunicado, o certificado non só constitúe un pulo ao traballo desenvolvido en materia de eAdministración, senón que (xa nun eido máis concreto) sitúa ao ente galego no primeiro das súas características que a nivel español recibe este aval. Asemade, dispón á Xunta como a cuarta organización do Estado que acada o recoñecemento, por detrás de Telefónica, El Corte Inglés e SIA, firma que desenvolve o seu labor no ámbito da seguridade en sistemas de información.
Méndez Romeu aproveitou este pulo en concreto recibido de mans de AENOR para dar conta do proceso de dixitalización da institución pública galega, arestora “inmersa nun labor de mellora de calidade” por medio de varias ferramentas como son as tarefas de certificación externa.
O aval, máis polo miúdo
Segundo sinala o Goberno galego, a certificación da entidade AENOR acredita que a Xunta implantou un sistema de xestión de calidade nos seus servizos de tecnoloxías da información a través do seu correo electrónico, optimizando a eficacia no servizo e reducindo custos.
Amais, logra minimizar os riscos asociados ás tecnoloxías como o spamming (correo electrónico non desexado) ou o phishing (intento de fraude na Rede), contribuíndo á protección de datos de carácter persoal. Esta certificación, baseada na norma UNE-ISO/IEC 20000. Tecnoloxía da Información. Xestión do Servizo, persegue o uso óptimo das infraestruturas de Tecnoloxías da Información para a excelencia na prestación de servizos aos usuarios.
A Xunta, primeiro ente público do Estado que recibe un Certificado de Servizos de TICs
Compartir Este Artigo

