
O sistema, de nome Hot Spots, insírese nunha liña de ferramentas de Google (Insight) que favorece a pescuda dos termos máis buscados e subministra datos estatísticos sobre os visitantes. Polo tanto, do que se trata é de facer o mesmo que veñen facendo os grupos empresariais dende o día en que se puxeron os alicerces do primeiro en xurdir: tirar partido do que sae dunha liña de produción para cubrir un furado de outra.
Ou mellor dito: para que o que ofrece a outra (YouTube) gañe en complexidade, sobre todo se temos en conta que o subministro existente ata o de agora de información sobre a cantidade de visitas dos vídeos publicados era rudimentario abondo.
Hot Spots vai alén da exposición destes datos e habilita análises máis exhaustivos sobre a curva interna de seguimento dun vídeo determinado, identificando o seu intre de maior intensidade ou o de caída de audiencia, información que se achega de xeito gráfico con hotspots (alzas) e coldspots (caídas).
Segundo informan os responsables de YouTube, a idea é facer posible que cada usuario aprenda a editar e identificar que contidos e intres son os que máis agradan aos membros da comunidade en liña. Asemade, este obxectivo complétase con outro complementario: motivar aos usuarios para que perfeccionen ao máximo posible as súas técnicas e, en consecuencia, melloren aínda máis o nivel de visitas ao servizo web.
YouTube Hot Spots: estatísticas en meirande detalle dos vídeos máis vistos
Compartir Este Artigo

