Traballar pola galeguización dun sector empresarial concreto non é só procurar máis presenza da nosa lingua nas súas comunicacións tradicionais e virtuais cos seus clientes. En certa maneira, con estas medidas tamén se asentan os alicerces dunha fronte común ou, se se quere, dun meirande entendemento no camiño da competitividade. Estes son os obxectivos das trinta firmas integrantes dunha entidade nova: a Asociación Galega de Cerimonias, dada a coñecer este sábado e formada por empresas dos eidos das florerías, xoierías, peiteados, traxes de noivos, restauración, música, fotografía e audiovisual e agasallos, entre outros. E estes son (tamén) os obxectivos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que vén de participar co novo clúster nun proxecto para impulsar o galego no dito sector e a todos os niveis (no eido oral, en papel e no ámbito dixital), o proxecto DeVodas, precisamente un dos xermolos da dita Asociación e dos encontros destes días.
A iniciativa, que significa entre outras cousas o compromiso desta entidade por levar a nosa lingua a todas as súas comunicacións verbais e escritas, presentou os días pasados os seus produtos e servizos en Santiago, no marco do evento do mesmo nome, DeVodas 2008, celebrado no Hotel San Francisco entre desfiles de noivas e música en directo.
Asemade, deuse a coñecer oficialmente a Asociación. Entre outras medidas a poñer en marcha no eido dixital, puidemos saber da convocatoria dun concurso para premiar as mellores declaracións de amor en galego, a desenvolver mediante vídeos e mensaxes SMS e achegando oitenta agasallos por valor de 9.000 euros. Segundo conta AGN, entre estes incluíronse descontos en traxes de noiva e festa, en barbería ou viaxes.
Devodas.com: empresas do eido da cerimonia reafírmanse en Santiago a prol do galego
Compartir Este Artigo

