
A cuestión, arestora no seu punto máis álxido do debate, está a motivar movementos importantes no eido corporativo dixital. Así, cada vez hai máis empresas que se adhiren a un bando e logo se coidan ben de que se saiba (se cadra por intereses económicos, se cadra por principios éticos, ou ben por ámbolos motivos á vez).
No medio de todo isto atopamos multinacionais como Google ou Microsoft, empresas que, cos seus máis e cos seus menos (entre os que podemos incluír a discriminación da nosa lingua no buscador, da que falamos hai pouco), semellan querer achegarse ao plurilingüe… Ou polo menos aparentalo.
Precisamente, sobre poñernos ao día das súas respectivas estratexias neste senso e, en xeral, das tendencias na Rede é do que trata un ambicioso encontro a celebrar este martes en Vigo, nas instalación da Estación Marítima a partir das 19.30 horas.
O evento, chamado A idade dixital do galego; Lingua, tecnoloxía e empresa, constitúe un dos actos que integran a mostra As nosas palabras os nosos mundos, organizado todo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidirá dita xornada, na que tamén intervirán o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada; o director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, Luis Collado; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo.
Google e Microsoft falarán este martes en Vigo das súas estratexias lingüísticas na Rede
Compartir Este Artigo

