
A iniciativa, que ficará aberta neste espazo ata o 2 de novembro, consiste nun despregue de tecnoloxía para recrear a primeira etapa dun camiño concreto: o do coñecemento. Máis polo miúdo, o que se reconstrúe é o mito da caverna de Platón, achegándoselles aos visitantes a posibilidade de participar nel activamente a través das palabras encadeadas. Por certo que unha das primeiras persoas en facelo foi a propia secretaria xeral, Marisol López, quen visitou o emprazamento esta mañá.
A idea é aproveitar este xogo interactivo para crear entre todas e todos os visitantes unha cadea xigante de palabras. Con este fin, cóntase coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga), que mantén a feitura correcta dos termos que se insiran.
O percorrido, punto por punto
Segundo sinala Política Lingüística, A Cova está indicada para todos os públicos, sen distinción de idade, que recibirán un agasallo pola súa participación. En Santiago, permanecerá desde hoxe ata o vindeiro 2 de novembro. Despois, a instalación trasladarase á Coruña, onde permanecerá os días 7, 8 e 9 de novembro nos Xardíns de Méndez Núñez. Os días 14, 15 e 16 de novembro, o Parque do Barbaña, en Ourense, acollerá esta actividade interactiva, e os vindeiros 21, 22 e 23 será a rúa Urzáiz de Vigo o novo enderezo da Cova. Por último, a Praza Nova de Lugo acollerá esta instalación interactiva os días 28, 29 e 30 de novembro.

