Malia que non hai videoxogo no mundo que sexa quen de erradicar os males da sociedade actual, non está de máis que estean a desenvolver propostas con esta arela. Sobre todo se temos en conta unha vez máis a necesidade de atopar sempre a mellor canle e formato de expresión: de pouco serve pedir que se acabe a fame no mundo no máis alto dunha montaña. Cómpre baixar ao medio de miolo, e un dos miolos da era dixital, no que a mocidade se refire, é o eido das consolas e dos computadores. Este é o obxectivo do Programa Mundial de Alimentos: descender ao nivel de usuario e pola vía do lecer dixital.
O escenario elixido para dar a coñecer a versión español da súa proposta: a Campus Party Iberoamérica. A iniciativa, chamada Food Force, é un intento de unir dous extremos e facelos compatibles. Por unha banda o dos videoxogos, en ocasións un pouco frívolo. E pola outra o das mobilizacións a prol dos dereitos, da igualdade e da paz, ás veces afastadas dos cidadáns que dirixirán o planeta o día do maña. O xogo en cuestión, proposto coma un reto directo ao usuario (que terá que facer todo o posible para erradicar a pobreza e a fame no mundo), desenvólvese en clave de aventura e/ou acción humanitaria.
A idea é convidarnos a localizar dende un helicóptero os espazos concretos onde a xente conta con menos recursos, logo de fuxir dunha guerra ou dunha seca prolongada. Logo disto, o xogador vese obrigado a coordinar os esforzos a desenvolver. Trátase dun videoxogo de tipo educativo que, segundo informa Elpais.com, segue un pouco o ronsel de Sim City. Por certo que o obxectivo da plataforma é lanzar a versión en español este xoves, coincidindo co Cumio Iberoamericano e coa Campus Party Iberoamérica, encontro de alcance internacional no que se agarda reunir a máis de 600 especialistas den redes de todo o eido hispano falante.
O xogo humanitario Food Force preséntase na Campus Party Iberoamérica
Compartir Este Artigo

