A empresa compostelá Tórculo, especializada en artes gráficas e impresión dixital, está a conmemorar estes días un acontecemento duplo. Por unha banda, os seus (xa) 25 anos de vida no sector, máis que meritorio aniversario que vai vir acompañado dunha festa na Sala Capitol, este xoves 30 ás 20.00 horas e baixo o lema 25 anos de boas impresións. Por outra banda, a máis ou menos recente obtención dun recoñecemento especialmente salientable: o Premio Nacional Píxel 2008, galardón concedido pola revista Pro-Digital que salienta o labor innovador dos centros de impresión de todo o territorio español.
Por certo que a empresa galega ten preparadas para festa desta noite unha manchea de actividades: a gala contará coa presentadora Carmen Chao en labores de mestra de cerimonias e co grupo galego Caramuxo (gañador do Concurso Folk Cancioneiros da Fundación Barrié de la Maza) en tarefas de animación musical.
Asemade, presentarase un documental filmado exclusivamente para celebrar este 25 aniversario e procederase á entrega do Primeiro Premio do Certame Deseña, concurso promovido por Tórculo para recoñecer e impulsar aos novos deseñadores galegos.
Tórculo celebra esta noite na Sala Capitol 25 anos de innovación
Compartir Este Artigo

