O Club Internacional de Prensa botouse esta semana á Rede. Se a semana pasada pasaron polo seu foro sobre a industria da comunicación persoeiros como João de Almeida Santos e Salim Lamrani, a xornada de onte xoves foi a quenda de Gabriela Warkentin, directora do Departamento de Comunicación da Universidade Iberoamericana de Cidade de México, e de Carlos Jiménez, o presidente da empresa de seguridade informática Secuware. Todos eles, cada un co seu punto de vista particular, achegaron perante os asistentes o que podería chamarse “o seu ideal para a Sociedade da Información”, orde de cousas que participa dunha característica básica de case todo o que nos rodea: é francamente mellorable. E todo iso malia o seu potencial, que é grande para cuestións como o respecto á pluralidade, concepto que nos toca ben de preto ás/aos galegas/os e sobre todo á propia Gabriela Warkentin, aínda que por motivos diferentes.
No caso do lugar do que provén, ademais de un instrumento para o respecto ás culturas minoritarias (o seu país é pluriétnico abondo e con grandes desigualdades), o emprego axeitado das redes tamén pode contribuír á redución de problemas como a violencia ou a falta de liberdades básicas.
Este é o panorama que presenta arestora México, comentou Warkentin na xornada de onte en Santiago, e esta é a esperanza que achega o afianzamento das novas canles de comunicación: espazos de interacción paralelos onde expresarse.
Con todo, como dixemos antes, hai tarefas pendentes: “Que se escoite aos cidadáns, as principais vítimas da violencia, e que falen os que aínda non se pronuncian”. México, que ao seu xuízo é un país aínda por facer, en “constante transición democrática”, está hoxe en día ollando con esperanza cara aos novos formatos que achega a comunicación dixital, a antesala dos foros de debate nos que non existen atrancos á hora de dicir o que se pensa e darlle renda solta ao espírito crítico.
Para a investigadora, o novo eido da comunicación, fortalecido ao abeiro das redes, ten potencial como gran mesa redonda para que unha sociedade enteira, a súa, participe: “Dende ela, na súa dimensión de construción de sociedades, non só na súa acepción mediática, toca revisar o tipo de cidadanía que se manifesta ou se podería desenvolver neste contorno”. Esta crenza procede directa, precisamente, da perda doutra crenza: a que tiña nas capacidades de mudar o mundo de canles máis tradicionais como a radio e o televisión, en México arestora controladas por poucas e poderosas mans, “que impoñen ao cidadán só no seu horizonte de consumo”. Na súa opinión, hai aínda un eido novo de diálogo que escapa –polo de agora, en parte- do seu control, un eido que aínda ten moito por mellorar pero que comeza a despuntar como espazo idóneo para a interacción, que no caso da facultade de expresármonos é o paso liberador do punto de vista crítico, construtivo. É aí, nese escenario, onde se expresan os que o precisan.
Para Warkentin, é importante achegar datos ao respecto para que ninguén pense que se está a facer apoloxía gratuíta da Sociedade da Información e das súas vantaxes. O seu medre é unha realidade, e con el a pegada cada vez maior da protesta social. Estes foron algún dos datos:
· O medre anual do número de internautas sitúase arredor do 17%.
· A telefonía móbil está xa en mans de máis do 60% da poboación.
· A banda larga estase a xeneralizar como principal forma de acceso ao ciberespacio.
· O mapa virtual de videoxogadores amosa ao país centroamericano como punteiro no eido de América Latina.
Porén, os retos da Sociedade da Información e dos seus integrantes son grandes en México. Por unha banda, temos ao crime organizado, que xa está a envorcar os seus esforzos no eido dixital como estratexia para os seus fins de terror, sinalou Warkentin. Pola outra, e tras a moi recente reforma electoral (que lle sacou o papel sobranceiro á radio e a televisión como vía comunicativa para os comicios) fíxoselle especialmente necesario á “negatividade” social -resultante de todo proceso desta índole- procurar un novo espazo de acción, sendo o das novas tecnoloxías e outros igualmente pouco regulamentados os elixidos.
Para Warkentin, malia os obstáculos e malia que 2008 estea a ser un ano “complexo, violento e crispado”, é preciso engadir un novo cualificativo para este período que xa está a piques de rematar: “Vital”. A culpa desta irrupción non agardada da esperanza tena en boa medida a Rede, máis que nunca unha porta que se abre
Gabriela Warkentin sitúa aos espazos interactivos como instrumentos contra a violencia
Compartir Este Artigo

