A empresa Dell vén de contradicir varios principios dunha soa tacada, algúns deles importante dende o punto de vista laboral, ao facer escolma das posibles medidas a tomar co fin de reducir os efectos negativos da crise dentro do seo da propia multinacional. A serie de recomendacións e pasos a seguir, feitos por boca do seu conselleiro delegado Michael Dell, son froito –unha vez máis- dun proceso de recesión económica xeral que ata hai ben pouco se consideraba alleo ás firmas do eido das novas tecnoloxías pero que se temos en conta as propostas lanzadas pola firma, está afectándolle arestora a todo fillo de veciño.
Ao seu xuízo, xa é hora de aceptar varias cousas: que non é certo que as TIC vaian ficar indemnes da seca e que, respecto ás condicións laborais imperantes, nin sequera unhas vacacións con soldo poden ser consideradas sagradas. De feito, esa é (entre outras) unha das súas medidas máxicas para atallar a crise na empresa: que os empregados, de xeito voluntario, teñan vacacións non remuneradas.
No que si que parece que a multinacional lle dá a razón ás bases do capitalismo é no seguinte feito: os primeiros que pagan os malos tempos económicos son os de sempre. De feito, o fabricante de computadores xa reduciu o seu equipo en 8.500 empregados.
O obxectivo da medida do novo formato vacacional proposto por Dell: reducir os custos operativos durante o vindeiro trimestre. Segundo informa Reuters, a compañía xa lles comunicou aos seus traballadores que poden acollerse a esta alternativa ao longo dos vindeiros noventa días. En cifras ben detalladas o que se pretende é acadar un aforro de ata 3.000 millóns de dólares durante os tres anos próximos.
Dell anima aos seus traballadores a coller vacacións sen soldo para frear a crise
Compartir Este Artigo

