Seguimos a falar de colaboración en liña para ir construíndo unha Sociedade da Información que lle acaia ben a todas e todos. E, unha vez máis, o software libre confírmase como man de obra, material de ensamblaxe e edificio propiamente dito. Dito doutro xeito: consolídase como ferramenta de primeira orde para atopar máis diálogo na gran torre de Babel que é a comunidade internauta. No caso que nos ocupa, o miolo do traballo céntrase en favorecer a achega galega no ámbito mundial da programación aberta, e viceversa. Así, reforzar e mellorar as posibilidades de tirar partido do software libre que se produce no mundo (e darlle ao mundo o noso) é o gran obxectivo dos novos acordos de traballo conxunto que veñen de formalizar os representantes da comunidade de tradución de open source ao galego, procedentes do eido voluntario pero tamén (e cada vez máis) do empresarial.
Máis polo miúdo, o novo achegamento, no que se integra o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) en labores de coordinación, ten como gran finalidade a creación dunha plataforma de tarefas colaborativas na que se incorporen todos os proxectos de localización realizados pola comunidade en Galiza, así como as memorias e os compendios que documenten cada un dos procesos. Estes novos acordos foron dados a coñecer o pasado venres, no transcurso da segunda xornada e traballo do G11n: eu traduzo o teu software.
Amais do devandito, no encontro tamén se fixo público o primeiro borrador do Manual de localización de software, un traballo que se pode considerar a primeira pedra do dito proxecto en común e que servirá, entre outras cousas, para que abrolle un documento de consenso que sustente todas as futuras traducións de software. A finalidade disto non é outra que acadar a máxima coherencia e meirande coordinación e rendemento, amais evitar que se dupliquen esforzos.
Por certo que a xuntanza tamén serviu para facer balance do acadado ata o de agora en materia de adaptación á nosa lingua de material informático aberto. Para uns e outros, malia a necesidade de mellorar (favorecendo a cohesión), o potencial existente é abondo grande: “Temos unha comunidade moi motivada e con vontade de autosuficiencia onde coincidimos na necesidade de mellorar o potencial de masa crítica para acadar a sustentabilidade dos procesos de localización de software ao noso idioma”, sinalou Xesús M. Benítez Baleato, coordinador de Mancomún.
No que se refire á plataforma mesma de tradución, dicir que contará co dito Centro de Servizos en labores de coordinación, e que terán acceso a ela todos os membros da comunidade. Esta plataforma, sinala Mancomún, segundo as necesidades e as demandas especificadas por cada un dos axentes, traballará en modo asíncrono fornecendo un contorno cliente-servidor que facilite as tarefas de tradución de calquera aplicación.
Mancomún e a comunidade G11n crearán unha plataforma conxunta de tradución
Compartir Este Artigo

