A Tecnópole está a converterse esta semana no parque tecnolóxico por excelencia de todo o ámbito español e europeo. En certa maneira é literalmente así, tendo en conta que, coincidindo co seu 25 aniversario, acolle arestora a nova Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos, un evento que reúne e pon en contacto a unha boa parte dos responsables dos complexos empresariais da innovación do eido da UE. O encontro, organizado pola Tecnópole e máis a Consellería de Industria, conta tamén no seu programa con especialistas en desenvolvemento procedentes de alén do continente, como por exemplo Tapan Munroe, investigador e experto en economía rexional, quen participou activamente na xornada de onte para dar a coñecer as claves do éxito de espazos empresariais de semellante índole como o Silicon Valley (o xermolo do éxito de multinacionais como por exemplo Microsoft), ou as posibilidades de aplicación desas claves a outros contornos, como o devandito de San Cibrao das Viñas (Ourense).
Ao xuízo de Munroe (autor de libros de referencia no eido TIC como Silicon Valley: a ecoloxía da innovación), cómpre asumir que vivimos unha crise de alcance mundial que non pode deixar de afectar ao sector tecnolóxico, pero que tamén é certo (puntualizou) que hai moitas posibilidades de saír canto antes dela, e que o segredo desta recuperación pasa de xeito indubidable pola “implantación de ecosistemas de innovación de éxito e sostibles” baseados nun réxime de traballo conxunto entre compañías diferentes que tiraría partido de extremos opostos compatibles: o alleo e o propio.
Dito doutro xeito e para que se entenda, para Munroe, os complexos empresariais como a Tecnópole deben asumir cada vez con máis firmeza que son como núcleos de biodiversidade, e que no seu continuo competir tamén está o seu apoio, aquilo que fai que sobrevivan. Uns e outros participan dun todo. Neste caso concreto falou de coopetición, que sería unha mestura de termos aparentemente contrapostos pero non tanto: cooperación e competición. Pódese xerar riqueza propia á vez que se beneficia ás demais empresas do sector? A xuízo de Munroe está claro que si, e o caso de Silicon Valley é, neste senso, paradigmático.
Segundo Munroe, as chaves do éxito para a economía do século XXI resúmense na ecuación “innovación recorrente máis produtividade en aumento igual a prosperidade de longo percorrido”. Na súa opinión, sinalou perante os asistentes á súa intervención no Congreso, seguir o ronsel do dito complexo innovador norteamericano é a mellor fórmula para a supervivencia e o éxito dos países. E para ilustrar mellor a súa teoría, deu casos concretos de aplicación útil destes principios: China e India, dúas economías en desenvolvemento que xa puideron proclamarse “campións do medre” durante este ano con taxas do 10 e o 8%, respectivamente.
Tapan Munroe recomenda na Tecnópole unha meirande aplicación dos principios de Silicon Valley
Compartir Este Artigo

