Dentro do programa da Semana da Ciencia 2008, algunhas das actividades programadas teñen especial relación coas novas tecnoloxías dixitais, e máis polo miúdo coa difusión das súas vantaxes. É o caso do curso Internet como ferramenta de busca de documentación científica, unha acción formativa organizada polo Centro de Documentación Domingo Quiroga (pertencente ao CEIDA). A actividade, que ten feitura de obradoiro, vai dirixida sobre todo a subministrar consellos e claves para dar comezo nas redes a unha das tarefas máis básicas da Internet pero non por iso máis doadas: a da busca.
En realidade, do que se trata é de favorecer o nivel de acerto na localización de datos, un labor que se complica de xeito paralelo ao medre da información mesma (a clave é buscar o gran entre a palla). No curso, que se desenvolve entre o 10 e o 23 de novembro, están a participar arestora unhas 30 persoas, na súa gran maioría persoas, sendo o formato elixido para a achega xeral dos contidos o formato do e-learning: subministrando a información pola vía dixital para que os alumnos poidan realizar os traballos dende a casa ou o posto de traballo.
Por outra banda, cómpre lembrar que con motivo da celebración da Semana da Ciencia, o dito Centro de Documentación tamén vén de publicar un boletín especial sobre ciencia e tecnoloxía e que xa está dispoñible na web do CEIDA. Nel poderemos consultar coñecer de primeira man as novidades referentes ao centro especializado en medio ambiente, así como os recursos dispoñibles en Internet e novas publicadas en diferentes boletíns oficiais.
Asemade, e para completar a súa contribución á Semana, o CEIDA vai desenvolver entre o 12 e o 22 deste mes na súa sede do Castelo de Santa Cruz (Oleiros) un Obradoiro activo de iniciación ao vídeo documental. A finalidade deste curso é afianzar no posible o emprego do dito formato de creación como ferramenta pedagóxica de gran utilidade para “abordar cuestións sociodocumentais e transmitir mensaxes a favor da preservación do medio”.
O CEIDA súmase á Semana da Ciencia con obradoiros sobre redes e vídeo
Compartir Este Artigo

