Logo de ler que nun recente informe de Delincuencia Económica da Dirección Xeral da Policía se anunciaba a“eclosión dos timos bancarios en liña” así como a “impotencia policial para deter aos autores de destes delitos”, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, decidiu presentar perante o Goberno unha iniciativa na que demanda “a adopción dunha lexislación común sobre delitos informáticos que permita acabar cos paraísos dende os que operan os ciberdelincuentes”.
Pérez Bouza lembra que o comercio electrónico “experimentou un medre exponencial nos últimos anos”, acadando o pasado ano unha facturación no Estado español de 4.700 millóns, cun incremento do 71,5% con respecto ao ano 2006 e advirte que “este espallamento das operacións bancarias a través de Internet viuse acompañada tamén dun medre dos delitos informáticos”.
Ante esta situación, o senador do BNG considera que “é da máxima urxencia acompañar a existencia dunha rede de transaccións a escala planetaria, como é Internet, dunha lexislación aceptada por todos os estados na que se tipifiquen os delitos informáticos, e se estableza a súa persecución e sanción”.
O BNG reclama unha estratexia común na UE para loitar contra os delitos na Rede
Compartir Este Artigo

