A información, logo da Sociedade da Información, xa nunca volveu ser a mesma. Nin ela nin as canles polas que discorre, nin o seu alcance nin a súa pegada. Todo muda no dixital, e os internautas encárganse ben diso. Perpetuar un xornalismo ao uso con novas e reportaxes tradicionais sen posibilidade de participar na súa valoración e mesmo na súa redacción? Os lectores xa non o permitirían. Destas fontes interactivas están a beber xa unha manchea de grupos de comunicación, tratando de afacerse con máis ou menos sorte e habilidade ás novas demandas dos consumidores e dos propios contornos novos.
A xuízo de Álex Grijelmo, que estivo esta semana en Santiago no marco dos encontros sobre a nova comunicación organizados polo Club Internacional de Prensa, nesta loita por abrir novas vías e afianzarse hai unha serie de claves que cómpre ter en conta, alén dalgunhas que seguen vixentes, como a independencia xornalística ou a capacidade para establecer e manter relacións internacionais. Na súa opinión, unha boa parte do esforzo debe centrarse na potencia tecnolóxica, no enfoque multimedia e máis na innovación. Ou sexa: en chegar cada día ao teu posto de traballo e estar sempre disposto a aprender algo novo.
Estas e outras son no seu punto de vista as fórmulas do éxito de empresas como o grupo que preside, a Axencia de Novas EFE.
Precisamente, unha boa parte da súa intervención en Compostela xirou arredor da resistencia mantida pola súa empresa nun eido arestora especialmente convulso: o da comunicación. Grijelmo, que para dar unha imaxe veraz das súas afirmacións achegou unha serie de estatísticas positivas sobre o afianzamento da web corporativa de EFE no panorama internauta actual, valorou tamén a necesidade de levar a cabo unha política de preservación da identidade propia dentro da liña constante do proceso innovador. É dicir: cómpre facer compatible o feito de ollar cara a adiante co de ter sempre presentes as circunstancias do lugar e o tempo no que se xorde. Isto é aplicable, no caso concreto de EFE, á súa rotunda afirmación como medio informativo diferente de calquera medio anglosaxón. “Os clientes de EFE”, sinalou Álex Grijelmo, “aprecian moito a ollada latina que a Axencia ofrece do mundo”. Ao seu xuízo, ser diferente do imperante é ser innovador, e, a maiores, é responsabilidade das empresas de comunicación de países como España compensar o punto de vista anglosaxón do mundo.
Álex Grijelmo achega en Santiago as claves para afianzármonos na nova era da comunicación
Compartir Este Artigo

