Para Javier Rivero-Díaz, profesor na Universidade de Os Ánxeles-California (UCLA) xa non hai éxito político ou económico na sociedade que vivimos que non teña un apoio máis ou menos directo nas novas ferramentas dixitais de participación e de interacción e dos cidadáns que operan nelas. Neste senso, e aínda que de tanto usalas apenas teñan xa significado, as siglas 2.0 (as que indican participación activa) constitúen en boa medida unha mellora con respecto aos tempos precedentes. Dito para que se entenda: máis vale deberlle o éxito político a un axeitado manexo dos contornos novos da comunicación cós axentes interesados de sempre, presentes pese a todo (difícil quitar de en medio ás grandes corporacións que moven os fíos), aínda que se cadra en menor medida. Rivero-Díaz, que estivo estes días pasados en Santiago de Compostela para colaborar nos foros de comunicación do futuro do Club Internacional de Prensa, falou de Barack Obama como exemplo perfecto de aposta decisiva polas redes sociais 2.0 na procura dunha vitoria finalmente acadada.
Malia haber máis condicionantes (a necesidade de cambio da sociedade enteira perante George Bush e o seu xeito polo de agora esgotado de facer política), a estudada e milimetrada campaña política de Obama a través das novas contornas dixitais foi decisiva. Para que sirva de exemplo, Rivero-Díaz falou dunha serie de estatísticas web relacionadas cos comicios. Primeiro: en YouTube as visitas da canle de Obama foron de 19 millóns e as de McCain de arredor de 2. Segundo: en Twitter.com, o presidente entrante acadou unha cifra de 121.000 millóns de seareiros, sendo as do seu contrincante de 5.000. Terceiro: en Facebook, Obama foi de novo o gañador con tres millóns de persoas seguíndoo de preto, facendo o propio co representante do partido republicano uns 600.000 usuarios da Rede. Tendo en conta estas e outras cifras igualmente positivas para Barack Obama, non cabe dúbida para Javier Rivero-Díaz que Internet e as ferramentas e servizos que inclúe veñen de dar unha das súas notas máis alta en materia de intervención nos sucesos da historia, neste caso un cambio de rumbo político no que probablemente sexa arestora o país máis influínte do planeta, tanto dende o punto de vista social, político ou militar, como tamén no cultural.
Rivero-Díaz cualifica en Compostela de decisiva a participación de Barack Obama nas redes sociais
Compartir Este Artigo

