Jerry Yang, un histórico da construción da Rede tal e como a coñecemos, vén de abandonar o seu actual posto de mando en primeira liña da fronte dixital, polo menos temporalmente. Máis polo miúdo, Yang deixa o seu cargo de director executivo dunha das empresas punteiras dos servizos web a nivel mundial, a casa Yahoo!, en boa medida debido ao fracaso das negociacións con Microsoft para a venda da compañía que dirixe. Así o fixo saber Yang hai cuestións de horas nun comunicado de prensa, atopando a nova repercusión inmediata en milleiros de medios de comunicación de todo o mundo. Segundo se detalla na dita misiva, a razón fundamental da súa decisión está na imposibilidade de ter acadado para Yahoo! os 47.500 millóns de dólares que ofrecera a multinacional de Windows en virtude da súa adquisición. A isto hai que engadir o factor “crise económica mundial”, da que Yahoo! estaba xa comezando a resentirse, con baixadas continuas das súas accións no mercado da bolsa.
Con todo, o anuncio do Yang non semella ter deixado á empresa da que sae sen posibilidade de reacción. Segue en pé a oferta a Microsoft e, ademais, a marcha de Yang non a colle coa garda baixa: tivo sesións previas de debate nos que se tentaron buscar os vieiros de futuro máis sólidos, acordándose a dimisión do director executivo xusto neste intre, a xuízo de Yahoo! o máis axeitado para a compañía. Segundo sinala Roy Bostock, presidente da multinacional, Yahoo! está neste intre en pleno proceso de procura de substituto, tanto no eido interno como alén das fronteiras da compañía.
Dimite o director executivo de Yahoo!
Compartir Este Artigo

