Se atendemos aos datos máis recentes achegados pola consultora Gartner no que se refire á programación aberta, esta estase a consolidar no mundo como unha medida complementaria de primeira orde contra a crise. É dicir: que apostar polo software libre dentro das empresas vese cada vez máis como un paso imprescindible no camiño do aforro e da optimización xeral dos recursos. Segundo información de Gartner da que se fai eco estes días a web de Agnix, o 85% das empresas xa son usuarias de software aberto, estando o 15% restante en camiño firme de adoptalo ao longo do vindeiro ano. Este informe, que sinala a 2009 como o ano por excelencia do afianzamento da programación aberta (en parte pola mellora constante dos programas ofrecidos, hoxe en día moi competitivos, e en parte polas ditas circunstancias de recesión que obrigan ás compañías a procurar ferramentas menos custosas en cuestións de dereitos), ten a súa raizame nunha enquisa realizada na primavera pasada abranguendo a 274 organizacións de todo o mundo.
Pola contra e malia a aposta cada vez máis unánime a prol deste tipo de programas, non semella que se estea a dar de xeito parello unha axeitada política de escolla dentro das propias empresas. Segundo engade Gartner, o 69% das compañías non teñen unha estratexia formal para avaliar e catalogar o emprego de programas abertos, o que pode achegar o alicerce de posibles violacións de propiedade intelectual.
Gartner sinala que en 2009 todas as empresas terán software libre
Compartir Este Artigo

