
Deixando de lado a experiencia vasca, en Galicia temos que o PP xa votou a andar a súa campaña baixo o lema Recargando Galicia, que se sostén nunha páxina web que absorbe a web de vídeo do candidato Alberto Núñez Feijóo (estreada no mes de novembro) e se utiliza para a difusión do programa electoral, a sala de prensa do PP e para recoller as entrevistas e discursos de Feijóo, aínda que non substitúe a outras canles electrónicas coma o blog de Núñez Feijóo, a canle de YouTube do PP de Galicia, a súa conta de Flickr e mesmo o perfil do candidato popular en Facebook.

Do BNG aínda non coñecemos os detalles, pois non será ata mañá cando presenten a súa pre-campaña, que baixo o lema de «Queremos máis» buscarán a complicidade da sociedade galega, pero é de agardar que repitan a fórmula dos últimos meses, apoiándose na súa canle en YouTube, o blog de Anxo Quintana (que está algo parado ultimamente) e mesmo a web de vídeo do candidato nacionalista, Quin TV, que foi o primeiro espazo virtual galego en revolucionar o xeito de entender a política na Rede, aproveitando o vídeo non só para difundir a súa mensaxe, senón tamén para interactuar cos seus simpatizantes.
De todos os xeitos, non parece que estas iniciativas das 3 principais forzas galegas vaian dirixidas a unha revolución na Internet, limitándose a unha estratexia bastante tradicional, polo que a participación cidadá a través da Rede quedará como materia pendente para o futuro.

A pre-campaña electoral faise notar na Internet
Compartir Este Artigo
