Continúa adiante o proceso de adhesións a unha data de especial relevancia para nenas/os e nais/pais afeitas/os a vivir en liña: o Día da Internet Segura (este martes 10 de febreiro). Se a semana pasada falabamos das propostas da Unión Europea, Protégeles, Microsoft ou o Goberno español, agora é a quenda de dúas empresas españolas do eido das novas tecnoloxías da información que tocan de preto tanto aos usuarios da Rede como da telefonía móbil: Yoigo e Optenet. Polo que respecta á concorrencia da primeira compañía na devandita xornada europea, dicir que a idea fundamental do operador español de telefonía é combater un tipo de acoso ao menor ben definido e por desgraza cada vez máis presente na Rede: o ciber-bullying.
A loita de Yoigo contra esta práctica, que xa existía dende hai tempo pero que agora se reforza coa presenza de móbiles e acceso ás redes dos acosadores (gravan malleiras para logo penduralas nas webs) basearase estes días nunha serie de medidas concretas: incluíndo na portada da súa web mensaxes sobre os perigos das novas tecnoloxías mal empregadas e sobre os pasos a seguir para facer un uso responsable das mesmas, ou incorporando datos os obxectivos xerais da campaña Safer Internet á que Yoigo se adhire. Asemade, incluiranse ligazóns á páxina www.internetsinacoso.es, unha web, que como o seu propio nome indica, encamíñase a evitar na medida do posible que a Rede estea ao servizo do maltrato nos patios de colexio.
Isto hai que sumalo ás iniciativas xa postas en marcha polo operador na loita contra o bullying apoiado nas novas tecnoloxías, como por exemplo a súa presenza na sinatura do Código de Conduta de Operadores Móbiles para un uso responsable dos aparellos entre os menores ou a posta en marcha dun apartado específico na súa web sobre os pasos a seguir para acadar un emprego máis xusto do teléfono entre os adolescentes.
Polo que respecta á participación de Optenet no Día Internacional da Internet Segura (unha celebración europea que inclúe un concurso en liña para que os rapaces de todos os países da UE contribúan á concienciación cidadá), diríxese igualmente a pechar fileiras en contra do acoso escolar en calquera das súas manifestacións. Para esta empresa española especializada en seguridade informática (xa afeita a este tipo de loitas), é importante que teñamos en conta que a Internet, con todo o seu potencial para favorecer a nosa calidade de vida e fomentar o intercambio de coñecemento, está arestora a empregarse –precisamente- para aquilo para o que nunca debeu de empregarse: como ferramenta de difusión de fotos e imaxes vexatorias de todo tipo. De feito, sinala a multinacional facéndose eco de datos de Protégeles, hoxe en día arredor do 20% dos casos de acaso entre cativos ou adolescentes prodúcese a través de Internet. Co fin de afianzar a súa presenza contra estas actividades, Optenet súmase á iniciativa deste martes 10 de febreiro con iniciativas como a achega de balde da súa tecnoloxía para que os pais poidan supervisar as boas prácticas de Internet no fogar. Deste xeito, a empresa de seguridade distribuirá licenzas dun ano do seu produto de filtrado WebFilter PC a todos os interesados que se descarguen e instalen a ferramenta na devandita xornada europea e dende a web da propia compañía: www.optenet.com.
Yoigo e Optenet súmanse ás iniciativas do Día da Internet Segura (este martes 10)
Compartir Este Artigo

