A necesidade do mercado forzou a Microsoft a non retirar o Windows XP do mercado, posto que moitas redes corporativas continúan a depender deste sistema operativo, polo que para os equipos novos con Windows Vista preinstalado existe unha opción de desactualizalo a Windows XP, e dende Microsoft confirman que coa chegada de Windows 7 conservarán esta posibilidade, aínda que só para un limitado tipo de licenzas (como tamén pasa con Vista actualmente).
Así, pese a que Windows XP poida considerarse un sistema operativo obsoleto, goza dunha excelente saúde, e no sector dos ultraportátiles de baixo custo está a arrasar, anunciando Microsoft que o 96% destes equipos empregarían XP, o que contrasta cos inicios deste tipo de ordenadores, que destacaban por vir con distribucións especiais de Linux preinstaladas.
Dende as tendas aseguran que os usuarios non esixen que os equipos veñan con Windows preinstalado, pero cando se entregan con Linux o número de devolucións dispárase ata o 20%, o que parece indicar certa frustración por parte dos usuarios ao non ser quen de facer tarefas ás que estaban afeitos co sistema operativo de Microsoft. Atendendo a esta situación a propia Microsoft está a traballar na optimización de Windows 7 para este tipo de equipos.
Windows 7 poderá desactualizarse a Windows XP
Compartir Este Artigo
