Os servidores de IBM destinados aos sistemas de procesamento de datos do entorno financeiro poderán levar incorporada no futuro tecnoloxía deseñada na Universidade de Santiago.
Así o vén de anunciar a USC quen, da man do investigador Álvaro Vázquez, está a traballar con enxeñeiros da multinacional informática no desenvolvemento de novas unidades hardware especializadas, que permitan obter procesadores que “satisfagan os requerimentos de rendemento e fiabilidade das aplicacións financieiras e comerciais”.
Este tipo de aplicacións demandan cada vez maior capacidade de procesamento automático de datos e os computadores convencionais empregan uns procesadores numéricos que non son axeitados para realizar os cálculos que se requiren.
É por isto que, segundo apuntou Álvaro Vázquez, para facer os cálculos que requiren este tipo de aplicacións, “son necesarios programas e ferramentas software específicas”, algo no que está a traballar co seu equipo.
O traballo de investigación desenvolvido por Álvaro Vázquez quedou recollido na tese High-Performance Decimal Floating Point Units, cualificada con sobresaliente cum laude e dirixida por Elisardo Antelo Suárez no Departamento de Electrónica e Computación. Con soporte económico de IBM, a tese forma parte das liñas de investigación do grupo de Arquitectura de Computadores da institución compostelá.
O investigador deseñou diferentes unidades hardware decimais de alto rendemento para procesar as operacións aritméticas máis comúns, que inclúen suma/resta, multiplicación (ou suma-multiplicación combinada) e división. Co obxectivo de obter arquitecturas eficientes, competitivas con outras propostas tanto académicas coma industriais, investigou o uso de novos algoritmos, codificacións decimais e métodos que permitisen un maior grao de paralelismo. Coa aplicación destes conceptos abríronse novas vías que sirvan de guía no deseño dos futuros procesadores comerciais.
A tese centrouse tamén na mellora da calidade, particularmente da fiabilidade das computacións, para o que desenvolveu unha técnica de detección e corrección de erros.
A USC colabora con IBM na mellora dos servidores para aplicacións financeiras e comerciais
Compartir Este Artigo

