
Esta versión candidata do Windows 7 está a causar moita expectación, pois melloraría as xa de por si ben recibidas funcionalidades da beta que levan varios meses utilizando millóns de usuarios, á vez que engade novidades como a incorporación dun modo XP, que vén a ser a integración do Microsoft Enterprise Desktop Virtualization (MED-V) dentro do propio sistema operativo, e que consiste nunha máquina virtual que fai que se poidan empregar aplicacións vellas (para Windows XP e 2000) sen dar problemas no Windows 7 (non forzándoo a cambiar a modo de compatibilidade de xeito xeral, coma acontece normalmente con Windows Vista, o que resulta bastante incómodo cando se fai uso de aplicacións non soportadas ao 100%).
Este novo modo de funcionamento de aplicacións está orientado principalmente a contornos corporativos, e pretendería dar un pulo na integración de Windows 7, pois moitas das aplicacións que poderiamos considerar obsoletas poderán utilizarse sen problemas (fálase dunha compatibilidade próxima ao 100%).
Tamén se incorporaron novidades en elementos menos destacables, coma novos métodos de entrada en portátiles con pantalla táctil ou incluso máis ilustracións presentes para o seu uso coma fondos de escritorio, aos que podemos botar un ollo en Flickr.
O que si será unha importante novidade da versión de Windows 7 dispoñible para o público xeral o vindeiro 5 de maio será o feito de que xa non sairá só en inglés, alemán, xaponés e árabe, senón que tamén terá versión en francés e español, o que ampliará enormemente a base de usuarios que se animarán a probar estas versións case definitivas de Windows 7.
A versión candidata de Windows 7 mellora a súa compatibilidade con aplicacións para Windows XP
Compartir Este Artigo
