Nun momento no que parece que o Goberno español vai replicar o proxecto portugués para dotar aos cativos do país veciño de ordenadores portátiles Magalhães, aparecen varias novas un tanto preocupantes sobre esta iniciativa, pois mentres distintos centros educativos critican demoras nas entregas de equipos (en moitos casos decidiron non utilizar só uns poucos equipos que si chegaron para non discriminar aos alumnos que aínda non contan con eles) e outros denuncian a súa marxinación, a Sociedade Portuguesa de Oftalmoloxía (SPO) apunta a que o uso do Magalhães podería disparar os casos de miopía infantil, xa que o tamaño do portátil e o reducido tamaño das letras obrigan a unha lectura moi próxima.
Cómpre destacar que os Magalhães xa corresponderían á segunda xeración de Classmate PC, polo que en vez dunha pantalla de 7 polgadas, contarían un panel de 9 polgadas, o que os fai comparables aos ultraportátiles para maiores, polo que non sería só unha cuestión de tamaño a que afectaría á visión dos rapaces, senón tamén de hábitos, polo que hai que educar aos cativos nun uso axeitado do ordenador para non padecer problemas na súa vista.
A SPO tamén sostén que o aumento da miopía, a hipermetropía, o cansazo ocular e o ollo seco estarían moi relacionados co uso excesivo de ordenadores, o que xa definen coma «síndrome da visión de ordenador», que podería afectar a máis do 70% da poboación adulta europea, o que pode reducirse seguindo certas prácticas coma evitar os reflexos na pantalla do ordenador, ter o monitor limpo, afastarse uns 50/60 centímetros do mesmo e facer pausas de 5-10 minutos por cada hora de uso (nas que deberiamos mirar a obxectos distantes).
O uso intensivo de ordenadores por parte de nenos podería disparar os casos de miopía
Compartir Este Artigo
