O ano pasado, ante o inminente lanzamento do iPhone 3G, as operadoras que estaban a comercializar o iPhone orixinal optaron por ofertar a prezos moi atractivos o terminal telefónico de Apple para desfacerse do stock do produto que ía quedar rapidamente desfasado, e a historia repítese agora, e o diario Expansión adianta que o vindeiro luns Telefónica vai comezar a liquidar o iPhone 3G cunha rebaixa drástica de prezo que nalgún caso chegaría ao 75% e aplicaríase á versión de 16 Gb do terminal.
Por exemplo, un iPhone 3G de 16 Gb cun contrato de voz de 40 euros/mes + tarifa de datos de 15 euros/mes pasará a custar de 79 a 19 euros. Na meirande parte dos casos a rebaixa que terá o dispositivo será de entre 50 e 60 euros e incluso se rebaixará o número de puntos para facerse co terminal a un prezo reducido (ou mesmo de balde).
Agárdase que dentro duns días Apple anuncie un novo iPhone que contará con 32 Gb de capacidade de almacenamento, cámara de 3,2 Mpíxeles, máis potencia para poder realizar funcións como a gravación de vídeo e unha versión mellorada do seu sistema operativo, aínda que polo momento esta información corresponde só a rumores, que en distintos casos son contraditorios, polo que a única información ao respecto que será fiable será a oficial (lembremos que no pasado moitos medios erraron estrepitosamente ao informar sobre o actual iPhone, tanto nas súas prestacións como na súa data de comercialización en España).
O iPhone 3G de 16 Gb baixará de prezo o vindeiro luns
Compartir Este Artigo
