A primeiros dos anos 90, antes da aparición de InfoVía, cando alguén quería achegarse á Internet en España tiña que acudir a servizos coma CompuServe a través de conexións telefónicas, pero pouco a pouco foron perdendo popularidade fronte ás conexións de banda larga e o anuncio do peche de CompuServe por parte de AOL xa dá por pechados ese tipo de servizos que introduciron a moitos usuarios veteranos na Rede.
CompuServe naceu en 1979 e está considerado coma o primeiro grande servizo en liña, que chegou a contar con máis de medio millón de usuarios en liña, pero que claramente estaba en decadencia, como quedaba claro ao comprobarse que a última versión da súa aplicación informática tiña xa 10 anos de idade e estaba dirixida a equipos con Windows NT.
O servizo non era só unha pasarela á Internet, senón que antes da popularización da web tamén servía para acceder aos tamén decadentes grupos de novas, ao correo electrónico e a unha chea de servizos informativos e doutras índoles.
O servizo de correo electrónico de CompuServe aínda está operativo hoxe en día, o que supomos que é o motivo polo que aínda segue vivo este sistema, xa que foi a primeira plataforma comercial deste tipo (correo electrónico para uso particular).
AOL di adeus a CompuServe
Compartir Este Artigo
